Demetrio (exxogador da SD Chantada)

Falar de pasado na S.D. Chantada é falar de Demetrio. Demetrio Gómez González, nado un 28 de Marzo do ano 1957 en Mañente (Ferreira de Pantón), deixou unha marca imborrable no noso clube, e moitos anos despois, tanto afeccionados coma compañeiros seguen a recordar cun sorriso a época na que defendeu as nosas cores.

Comezou a súa traxectoria na tempada 75-76 no Independiente de Monforte, para continuala do seguinte xeito: do 76 ó 79 (3 tempadas) no Lemos. No 79 marcha á mili en Madrid e xoga unha tempada no CF Pardo de Preferente despois de non aceptar por impedimento militares (permisos) poder facelo no Getafe de Terceira division. Volta a Galicia no 80, e ata o 82 (dúas tempadas) milita na Sarriana.

Na tempoada 82-82 incorpórase á S.D. Chantada, onde estivo 4 tempadas. Demetrio recorda así esta época: "O primeiro entrenador Pallin, logo Manolo Martinez (pra min e pra o equipo a mellor época, loitando polo ascenso que conseguiu o Noia, quedando nos terceiros e cando marquei 11 goles ¡¡TODOS DE PENALTI!!. Tiñamos un equipo extraordinario. Despois tivemos un adestrador de Lalin (non recordo o nome) e xogabamos en Taboada como locais porque o campo estaba levantado por un tempo. Logo o ultimo ano o equipo adestrábao Marcos e fun botar unha man a metade da tempada"

Posteriormente xogaría unha tempada no equipo da súa vila, o Ferreira, ata que marcha destinado cara a Valladolid.

P: ¿Por qué chega Demetrio á SD?
R: Estaba moi ben en Sarria pero incumpliron algo que me prometeran e con dor deixeino e fun pra Chantada, pois de algunha maneira vendéronme un proxecto que logo foi realidade. Daquelas na Sarriana xogabamos 9 de Monforte.

P: ¿Cómo lembras a túa época no noso clube?
R: Moi boa en todos os sentidos: a xente, a directiva, todo o pobo. Eramos unha piña e de feito gardo moi bos amigos daquela época que foron directivos como Jose A. Lorenzana (loterías), Manolo de Telefonica, o presidente que morreu e José Manuel, directivo/conductor de autocar, irmán de Alfonso compañeiro e un dos máximos goleadores xunto con Rómulo. Subiamos a adestrar 3 días á semana pola carretera vella, chovera, nevara... Eso era infalible. a min gustábame moito, tanto como xogar, adestrar, e isto contaxiábase, pois había noites moi duras de frío.

P: ¿Cómo era o Demetrio xogador?
R: Un defensa duro pero noble, toque de balon correcto e con un disparo moi forte, de ahí que fora na tempada que non estaba Marcos o tirador de penaltis. Todos a romper pero polo centro. Non era moi guerreiro, de feito solo me expulsaron unha vez en toda a miña traxectoria. Eso sí, ía ben de cabeza.

P: Fálanos daquel ou aqueles partidos coa SD que sempre serán especiais, que nunca esquecerás.
R: Eu caseime un 6 de xaneiro, era martes, esperei ó domingo pra marchar de luna de mel despois de xugar no Sangoñedo, creo que foi contra a Milagrosa. Marchamos miña dona e mais eu o domingo pola noite en tren a Madrid, estivemos ali ata o sábado que voltamos a Monforte e xuguei tamén aquel partido. Fixen un penalti e perdemos 1-2; unha anecdota.

Tamen teño en mente o partido que lle ganamos no Sangoññedo ó Noia 1-0 e achegámonos a 4 puntos deles, mais non foi posible collelos. O gol marqueino eu de penalti (non podía ser de outra maneira)

P: ¿Cales son o mellor e o peor recordo que te levas do noso clube?

R: Todos son bos recordos; se tivera que destacar dous episodios serían istes:

1.     Xogando no Sangoññedo un fillo do delegado/directivo Jose Antonio (o neno chamábase Anton) caeu no banquillo e fíxose unha brecha na cabeza que daba medo; ó final non pasou nada. Comer na bodega da ribeira de José Antonio era unha ledicia.

2.     En Rodeiro polo centro do pobo uns 200 metros antes de chegar á gasolinera atropellamos unha ringuileira de vacas. Menudo espectáculo. Creo que ibamos a xugar a Camariñas e chegamos tarde por iste incidente.

P: Unha anécdota da túa época na SD que nunca esquecerás:
R: O que máis recordo era con un chaval (Tito) con sindrome de down, que sempre estaba ó meu lado e nunca conseguín que dixera a palabra miercoles. Eu decialle, a ver, Tito: lunes, el decía lunes, martes e dicía martes; miércoles, o cabrón decía jueves e sempre así; non había maneira por moito co intentamos todos.

P: Cal era aquel compañeiro de vestiario do que sempre gardarás recordo?
R: A todos sen excepción, pero non cabe duda que tanto con Rómulo, Carnero e Carry, que subiamos xuntos dende Monforte e eran moitas as horas que pasabamos xuntos con ou sin querer. Por suposto que con Manolo Martínez tramén pois aparte de entrenador estaba casado con unha prima. Lémbrome dun xogador, Leonés, que viña de Lalín, que era un tío cojonudo; Pedro Pablo, Gerardo, Marcial, Yebra, Juanín, Marcos, Peinado, Luis M, etc. De todos gardo moi bos recordos e iso é o que perdura no tempo.

P: Se che mandara confeccionar un 11 histórico da SD dos xogadores cos que conviviche cal sería?
R: Uff, moi difícil pero vouno intentar. Quedaríame con  2 equipos que están recollidos na década dos 80, en concreto cos compañente da 3ª e 4ª foto. 

P: ¿Queres engadir algo máis?
R: Decir que o único que perdura da miña experiencia de xogar ó fútbol son os recordos e a amistade dos compañeiros. Todo o demais: diñeiro, ascensos, descensos... son meras anécdotas. A persoa é o eixo central e os valores de amistade, confraternidade e experiencias xuntos, están por enriba de todo. Por iso vos animo a cultivar eventos que atraigan a xente, a exxogadores, porque sempre merecerá a pena vernos de novo. Un abrazo e á vosa disposicion.