Mercedes Arias (presidenta da S.D. Chantada)

 

"Comecei a miña afición pola S.D. cando acudía de pequena ó Sangoñedo a ver xogar ós meus irmáns, e ata agora"

 

"Animeime a presidir o clube porque mo pediu un grupo de xogadores cun gran valor humano"

 

"Ós aficionados pídolles paciencia co primeiro equipo, todos traballaremos a tope para que se manteña"

 

"As categorías inferiores, os rapaces que acuden ó Sangoñedo a ver ó primeiro equipo, teñen que ser o noso futuro"

Falamos con Mercedes Arias Serna "Merceditas" que se estrea no cargo de presidente esta tempada, sendo a primeira muller en facelo na historia do clube. Antes de nada, cóntanos cómo e cando comezou a túa relación coa S.D. Chantada.
Comecei a acudir ó Sangoñedo de cativa para ver xogar ós meus irmáns. A partir de ahí comezou a miña afición pola S.D.Chantada, e ata o día de hoxe. A nivel directivo, esta é a miña cuarta tempada.

¿Qué te levou a facerte cargo do clube esta tempada?
Como ben é sabido, esta primaveira houbo cambios importantes no clube. Eu convivín nos últimos tempos cos xogadores que formaban os equipos sénior as últimas tempadas, especialmente cos do B, ós que acompañei a moitos desprazamentos, e amosáronme en innumerables ocasións o seu gran valor humano. Foi entón cando solicitaron a miña axuda e participación, e non podía decirlles que non.

Cóntanos qué reacción estás atopando por parte dos afeccionados e socios.
A verdade é que moi positiva, e eso é algo de agradecer. Estamos tratando de que o clube chegue, dun xeito ou outro, á maior parte da poboación, e que ésta se involucre coa S.D. Chantada. Acabamos de superar os 700 socios, ata o de agora estamos rexistrando moi boas entradas no Sangoñedo, e a xente apoia ós equipos. Polo momento só podemos agradecer todo o que o pobo nos está axudando nesta nova etapa. É certo que hai algúns afeccionados intranquilos pola situación do primeiro equipo, e a estes só lles podo dicir que todos traballaremos ó máximo para acadar a permanencia.

Na actualidade traballas no negocio familiar, ¿resulta complicado compatibilizar esto co fútbol?
Obviamente a xornada laboral ocupa moito tempo, polo que ó fútbol toca adicarlle tempo de lecer. Sí é certo que aumentan as horas de traballo, pero neste caso ó formar parte dun grupo no que todos estamos a gusto, faise moi levadeiro e enfócoo máis como un hobbie que como un traballo.

¿Qué obxectivos te marcas á fronte do clube?
Obviamente, e o contrario sería mentir, queremos acadar os mellores resultados deportivos posibles, pero tendo claro que queremos un proxecto de clube que dure a medio e longo prazo, polo que debemos ser conscientes que debemos traballar ben coa canteira, cos rapaces de aquí, e que estes garantan o futuro do noso clube. Queremos un clube que represente ó noso pobo e do que se sintan orgullosos os nosos veciños.

¿Qué valoración fas do corpo técnico que configurastes para a presente tempada?
No relacionado ó primeiro equipo chegou Pepe, que era o único descoñecido para min, e creo que foi un gran acerto; a súa personalidade encaixa ó 100% co que buscabamos para o proxecto, e cremos que se adaptou enseguida tanto á S.D. Chantada como a Chantada.

Os demais xa son vellos coñecidos da casa (aínda que Xende se estrea como adestrador), que aportan traballo, ilusión e sentimento unido a coñecementos e preparación, polo que creo que non podemos pedir máis.

¿E os planteis dos distintos equipos?
No primeiro equipo houbo moitos cambios, pero estou moi contenta do equipo que conseguimos facer. Sabemos que vai ser un ano no que toque sufrir moito, pois hai moita xente nova, pero se estabamos encantados cos que seguían, o mesmo podemos dicir de todos e cada un dos que chegaron, pois ó igual que dicía no caso de Pepe, creo que se adaptaron totalmente ó noso clube e ó que buscamos.

En canto ó filial, como ben dicía antes, é un grupo magnífico que este ano ten a oportunidade de poder disfrutar gracias ó seu bo traballo dos últimos anos, cando conseguiron levar ó equipo onde ninguén podía prever hai moi pouco tempo.

Nas categorías inferiores polo que me comentan os adestradores, os rapaces están tendo unha boa dinámica actitudinal e de traballo, e eso é o que buscamos. Gústame ver a moitos nas bancadas dos partidos de Preferente e estou convencida de que son o futuro.

Estamos a ver que nestes primeiros meses de mandato, o clube está levando a cabo distintas iniciativas, como o desfile, o magosto, saques de honra ou demais... ¿Agárdase algunha iniciativa máis?
Antes de acceder á S.D. Chantada xa dixemos que queriamos un clube dinámico a nivel social. Ata o de agora, con ese tipo de eventos, xa conseguimos mover a moitas persoas de distintos ámbitos do pobo; seguro que ó ser a primeira vez cometemos fallos e trataremos de melloralos no futuro, pero cremos que actos de este tipo axudan a facer clube, a unir a veciños, e a propoñer actividades de ocio no noso pobo.

Evidentemente, hai en mente outras iniciativas e a intención é continuar nesta liña, pero non podo deixar pasar esta pregunta sen agradecer enormemente o gran grao de implicación que tivo moita xente externa ó clube neste tipo de eventos; esto anima a seguir nesta liña.

¿Un soño como presidente da S.D.?
Máis que soño chamaríalle ilusión... gustaríame que esta tempada os equipos sénior se mantiveran, e a partir de ahí que se asentaran nas categorías que están. Intentar devolver o antes posible ó equipo xuvenil a Liga Galega tamén sería bonito.

Remate a entrevista cunha frase.
Síntome orgullosa de presidir este clube, que é unha familia.