Pepe Martín (adestrador da S.D. Chantada)

 

"Varias e longas conversas con xente do clube, así como empurróns de amigos mutuos meus e do clube, fixeron posible a nosa unión"

 

"Hai un longo camiño entre "fútbol" e "equipo", ¿verdade?"

 

"¿O que máis me sorprendeu desde que cheguei? A sinerxia de todos e cada un dos que intentan aportar a este proxecto, entendendo sinerxia como traballo en equipo"

¿Que che levou a recalar na SD este verán?

Primeiro, por suposto, todo xorde polo interés do clube. Polo visto, entraba dentro dos posibles candidatos a ocupar o banco do Sangoñedo para esta nova etapa e logo dunha primeira toma de contacto entre as dúas partes, empecei a sopesar detidamente que posiblemente falabamos o mesmo idioma futboleiro. 

Esta reflexión inicial, a priori sinxela, daría para escribir moitas liñas ao respecto dos significados de verbas que na miña cabeza sempre van unidas: 

FÚTBOL-CLUBE-PROXECTO-COMPROMISO-FORMACIÓN-DEPORTE-VALORES-IDENTIDADE-EQUIPO

Hai un longo camiño entre “fútbol” e “equipo”, verdade?

Pois ben, nese momento e logo dun fin de semana de acoso e derribo, de varias e longas conversas con xente do clube (Juan, Marolas, Dani) e os empurróns, a modo de consellos, de bos amigos mutuos (da SD, de Chantada e meus), fixeron posible o "enlace deportivo" para esta tempada.

¿Que balance fas dos catro primeiros meses a nivel clube?

Pois que todos mantemos a mesma ilusión, gañas e compromiso que as amosadas e prometidas na primeira xuntanza do 21 de xullo. Agora, entre todos, debemos seguir abonando o terreo para continuar nestecamiño.

¿Que valoración fas do equipo no tramo de tempada disputada?

Atendendo ao aspecto meramente deportivo: positiva. Deixaremos marxe para poder poñerlle, moi positiva (aínda que eu son dos que penso que a perfección non existe).

Positiva, porque máis alá de mirar a táboa da clasificación xornada a  xornada, está o traballo das sesións de adestramento, a integración de conceptos e o avance na maduración deportiva dun grupo de rapaces que competitivamente falando se formou novo hai menos de 4 meses.

Positiva, porque nas 13 xornadas de competición fumos capaces de  xogarlle de tú a tú a calquera dos rivais cos que nos enfrontamos, gañándonos o recoñecemento e respecto de todos eles.

Positiva porque a preferente autónomica veu debutar na SD Chantada a 8-9 xogadores sub-23 da comarca, en fin: positiva porque todo elo garante e senta as bases sobor das que construir un proxecto realista de futuro.

¿Que é o que máis che sorprendeu dende que chegache a SD?

A sinerxia de todos e cada un dos que intentan aportar a este proxecto. Sinerxia como concepto de traballo en equipo: importa o equipo e importan todas e cada unha das persoas que forman e suman nesta SD.

Esta sinerxia, cohesión e equipo fanse máis doados cando os membros do grupo se coñecen, e nesta SD Chantada son moitos os que senten e identifican a camiseta vermella como nexo que os uniu, une e unirá durante moitos anos.

¿Como ves o nivel da categoría?

Moi igualado. Aínda que a estas alturas deparou poucas sorpresas.

Na parte alta da táboa, todos apostabamos a Noia, Estudiantil, Polvorin e Laracha para esas prazas “Champions”, aos que haberia que sumar 2-3 máis, que por unhas circunstancias ou outras aínda non amosaron a regularidade que se lles presupón, xa que por currículum do plantel están destinados a acercarse oudesputar eses postos.

Pola parte baixa, a sorpresa é que ainda se mantén neses postos o Arzúa, e están a sair equipos como Ribadeo e Viveiro, todos eles chamados ou a priori “obrigados” a cotas máis altas.

¿Como ves as posibilidades de permanencia do equipo?

Non adoito xogar a adiviño, porque prefiro sempre valorar a realidade do día a día. O noso gran obxectivo clasificatorio é manter a categoría, por suposto. Así o referían todos os xogadores ao preguntarlles polos seus obxectivos (persoais e colectivos).

Sorprendeume gratamente o aceptable nivel técnico individual dos futbolistas da SD, ese é un punto moi destacable a ter en conta e no que queremos afondar se queremos discutirlle a posesión do balón ao rival, pero ao mesmo tempo debemos gañar solvencia nas accións defensivas e escoller mellor, escoller o máis doado, porque o curioso dos goles que encaixamos é que en moitos deles tivemos unha posibilidade de finalizar a nosa participación defensiva previa con maior eficacia, pero!!! ….., coido que son accións propias da inmadurez competitiva actual e que estamos no momento de correxir.

Espero, agardo e desexo que o traballo diario nos faga madurar esa faceta competitiva dos futbolistas, o que unido a ese forte sentemento de “manada de lobos”, de pertenza a grupo e de compromiso nos permita ir subindo postos para que o equipo chegue aos meses de abril e maio nas mellores condicións competitivas posibles.

¿Que valoración fas da afición da SD?

“Sangoñedo is different”. Sentimos que xornada a xornada están a entender o momento actual do equipo e a aportar a forza, o alento e o ánimo que precisa o equipo. Grazas, grazas!!!

Por outra banda, eu son dos que creo que a xente resposta ao que se lle dá, polo tanto neste caso a pregunta que poderiamos inferir sería: e que lles damos nós? Pois a máis absoluta das certezas de que como equipo entregamos o esforzo e a orde necesaria para tratar de acadar a victoria que a todos gusta, e cando esta non chega que nunca dubiden de que traballamos para converter os nosos desexos en realidade. Podemos perder por fallar, pero non por deixar de tentalo.

Remata a entrevista cunha frase:

“Humildade para admitir erros, intelixencia para aprender deles e madurez para correxilos”

Grazas por permitirme ser un máis desta Forza do Sangoñedo!!!