O Chantada iguala a un gol co Xallas na súa primeira saída
www.sdchantada.com/ 04-09-11

O Chantada empatou a un tanto na casa do Xallas. Un empate que conseguiron os locais no minuto 90, igualando o tanto de Lois no 39.

Foi un encontro moi igualado e con dous equipos moi ben plantados defensivamente. Os principais achegamentos chegaban a balón parado, destacando como a ocasión máis clara por parte do Chantada un disparo ó poste de Cañón no minuto 5 e por parte local un cabezazo que se foi fóra pasada a media hora.

No minuto 39, Lois recollía un rexeite no borde da área e cun gran disparo seco facía o 0-1. Só dous minutos despois anulouse un gol a Charli por fóra de xogo, no que parece que acertou o auxiliar.

No segundo periodo o cadro local adiantou liñas, pero un Chantada moi ben colocado non concedeu ocasións, se ben é certo que tampouco puxo en perigo a meta local, agás nun lanzamento de falta de Rubén que golpeou na parte de arriba do longueiro.

Cando o Chantada buscaba virse cos tres puntos, no minuto 90 e nunha xogada con varios rexeites na que os chantadinos reclamaron fora de xogo, o Xallas empatou e fixo que o encontro acabara en tablas.

Deste xeito os chantadinos suman un punto ante un bo rival que se amosou moi serio en defensa e que, ó igual que os nosos, suma 4 puntos.