O femenino igualou o 0-3 inicial, pero rematou perdendo
www.sdchantada.com/ 25-09-11   

O femenino estivo a piques de conseguir o seu primeiro punto da tempada, pero un tanto visitante no tempo engadido á saída dun córner puxo o 3-4 no marcador. As rapazas de Rigui realizaron un moi bo encontro e mereceron levarse algo positivo, pero a falta de definición nos últimos metros privounas delo.

Comezou o encontro moi mal para as locais, pois xa no minuto 20 o resultado era de 0-3. Con este marcador, o partido parecía sentenciado, pero pouco a pouco as nosas foron animándose e comezaron a crear perigo, tendo algunhas ocasións destacadas, pero non conseguiron acortar distancias ata o minuto 39, cun bo disparo de Sara Piñeiro desde a frontal. Chegou o descanso cando mellor estaban as nosas.

Á volta dos vestiarios o partido estivo igualado, incluso con algunha ocasión visitante, cunha dobre gran intervención da cancerbeira local Dánae que evitou dous goles do Villestro. A partido do minuto 65 o encontro volveu ser de dominio local, e Eva recortaba distancias nun man a man a falta dun cuarto de hora para o final. O empuxe chantadino fixo que Sara Piñeiro, cun disparo desde a frontal, puxera o 3-3 no marcador.

Co apoio desde as bancadas as nosas buscaban o tanto da victoria, pero cando parecía máis cerca o tanto local que o visitante, sería o Villestro o que marcaría á saída dun córner, facendo que as nosas non consigan estrear o casilleiro de puntos pese a merecelo no partido de hoxe.