O Chantada enfróntase ó Compostela o domingo ás 5
www.sdchantada.com/ 08-02-12

O Chantada recibe este domingo ás 5 da tarde no Sangoñedo ó Compostela, líder intratable da categoría despois de sumar 55 dos 66 puntos en xogo, tras perder só un encontro dos 22 disputados e empatar 4. Comezaremos falando, polo tanto, do noso rival deste domingo, un conxunto ó que desde o noso clube e o noso pobo sempre se lle tivo unha gran simpatía, simpatía que o club santiagués se gañou tamén visitando en distintas ocasións o Sangoñedo para disputar amigables cando competía en 3ª división ou 2ªB. Pero neste caso trátase dun partido de liga e, tras caer por 2-0 na ida, agora os nosos buscarán o triunfo, para o que precisarán o apoio da afición.

E máis que nunca, pois posiblemente o do domingo no Sangoñedo será o enfrontamento entre os dous equipos cas mellores aficións da categoría; a compostelana que apoia incondicionalmente ós seus en San Lázaro e que tamén os acompaña nos desplazamentos, e a chantadina que, aínda que é menos viaxeira, no Sangoñedo nunca falla. E este domingo non pode ser unha excepción. Para elo, temos que recuperar unha vella iniciativa que en momentos complicados axudou ó Chantada a saír de situacións perigosas e salvar a categoría en pasadas campañas: A MAREA ROXA. Desta volta trátase dun partido para disfrutar todos os que integramos a S.D., aficionados e xogadores, e por eso desde o club pedimos que todos aqueles que se acheguen ó Sangoñedo o fagan vestidos de vermello, algo que tamén pediu un dos nosos capitáns, Kadete, a través da rede social Twitter: ".... ....propoño unha vella iniciativa q me gustou moito.. O domingo:  ...todos ó sangoñedo de roxo"

O Chantada chega a este partido na sexta posición, empatado co 5º, o Grixoa, a 38 puntos, e suma 11 dos últimos 15 puntos. Sen embargo, os de Carolo empataron nos seus tres últimos encontros como locais, e queren brindarlle un novo triunfo á súa afición para prolongar o bo momento que vive o clube. Enfronte, como xa dixemos, terá ó mellor equipo da categoría e que, salvo sorpresa maiúscula, a próxima tempada militará en 3ª división; por historia, estructura e afición meréceo, sen lugar a dúbidas. Cabe destacar que nas filas santiaguesas milita o ex-xogador de 1ª división Máikel, outro aliciente máis para acudir a ver o encontro, por se non eran suficientes.

Os nosos xogadores merecen o apoio despois da gran tempada que están a facer... ESTE DOMINGO IMOS ENCHER O SANGOÑEDO DE VERMELLO!!! Apoiando ó noso equipo xa desde as 4:30 da tarde...

¡¡¡AÚPA CHANTADA!!!

#marearoxa