O Chantada B, que pasa unha mala racha, perde 0-1
www.sdchantada.com/ 13-02-12

O Chantada B caeu de xeito inmerecido por 0-1 ante o Castroverde. Sen realizar un xogo brillante, os de Quique Robles foron superiores e tiveron máis ocasións, pero non foron quen de marcar.

Comezou o encontro moi metido o cadro local, que gozou de achegamentos perigosos por medio de Noé, destacando dous cabezazos tras dous bos servicios de Adrián que se marcharon por pouco. Pese a dominar o primeiro periodo, os chantadinos fóronse ó descanso co 0-0.

Igualáronse algo máis as forzas no segundo periodo, especialmente nos primeiros minutos, e nun dos poucos achegamentos visitantes, no minuto 76, chegaba o 0-1 tras un gran disparo desde a frontal. A partir deste momento reaccionaron os de Quique Robles, que encerraron no seu campo ós visitantes, pero éstes encerránronse moi ben e desbarataron as opcións de empate local.