O Chantada non puido cos locais a pesar da superioridade
www.sdchantada.com/ 21-02-12
O Chantada caeu en Boiro por 1-0, pese a xogar 40 minutos en superioridade de 10 contra 8 xogadores. Os chantadinos desperdiciaron un penalti no desconto do primeiro tempo.

Nada máis comezar o encontro o Changtada tería unha dobre ocasión, primeiro cun disparo de Óscar Méndez que parou o meta e logo no rexeite de Adri que volveu parar o porteiro. Durante o primeiro tempo o encontro estivo igualado, con chegadas en ambas áreas, puidendo adiantarse calquer equipo. E foi o Boiro o que o fixo cando ía media hora de xogo, tras unha boa xogada persoal dun xogador local que cedeu atrás no pase da morte para que un dianteiro empuxara a pracer.

No minuto 37 chegaría a primeira expulsión. O árbitro sinalou vermella directa rigurosa a Álex por unha entrada sobre un xogador local. E no minuto 45 chegou unha xogada que marcaría o resto do encontro. Penalti dubidoso e expulsión dun xogador local. Nas protestas tamén serían expulsados outro xogador e o adestrador do Boiro. O lanzamento do penalti de Rubén detívoo o meta local.

Trala reanudación, ós 5 minutos o Boiro quedaríase con 8 por un dobre cartón riguroso. Quedaban así 40 minutos por diante para que o Chantada remontara xogando 10 contra 8. Os homes de Carolo non souberon atacar a defensa ben plantada na área do Boiro e apenas dispuxo de ocasións para marcar.