Os cadetes caeron de xeito inmerecido ante o Ponte B
www.sdchantada.com/ 02-04-12
Os cadetes caeron ante o Ponte B por 0-1 de xeito inmerecido e quedan practicamente sen opcións de clasificarse para a promoción de ascenso. Os de Juan foron mellores, pero a falta de acerto privounos da victoria.

Comezaron mellor os nosos, que taparon con facilidade o xogo visitante, que buscaba achegarse á área chantadina con fútbol directo. Os chantadinos trataban de combinar, e así chegaron as primeiras ocasións, como un disparo de Dani e o de Héber no rexeite ou unha doble ocasión de Michi. Pese ó dominio local ó descanso chegouse con 0-0. Os visitantes, pola súa parte terían unha boa ocasión cun disparo ó longueiro.

Con este resultado, os de Juan terían dúas novas ocasións para poñerse por diante no marcador, destacando unha vaselina de Noé que se foi fora por pouco. Chegaría o mazazo para os locais cando no minuto 54 os ourensáns facían o 0-1 nunha xogada na que se reclamou fora de xogo.

Pese a este tanto, os chantadinos non perderon a calma e buscaron o tanto do empate, tendo de novo ocasións, destacando unha de Michi, pero onte non era o día. Ata o tempo engadido pelexaron os de Juan, que reclamaron unha pena máxima sobre Samuel, pero que non conseguiron puntuar ante un Ponte B que se quedou con 10 no tempo engadido.