O Chantada B sumou un importante triunfo a domicilio
www.sdchantada.com/ 17-02-14
O Chantada B sumou un importante triunfo a domicilio na casa do Castroverde que lle permitiu romper a xeira de catro derrotas consecutivas como visitante e encadear, deste xeito, dous triunfos consecutivos.

Os chantadinos foron prácticos nun campo en mal estado, e contaron coa primeira ocasión nun disparo franco de Xende que se foi fora. O Castroverde tamén apretaba con fútbol directo, e Suizo tivo que intervir con acerto nun par de ocasións.

No minuto 26 chegaría o 0-1 tras unha xogada ben trenzada na que José Carlos cede atrás para que Adrián bata a meta rival cun bo disparo. Xusto antes do descanso os locais quedarían con 10 homes tras sufrir unha expulsión por protestar. Con este marcador chegouse ó intermedio.

Tralo paso por vestiarios, os chantadinos amosáronse moi sólidos en defensa, buscando sentenciar o encontro, pero o remate franco de Tara non atopa portería. No minuto 62 chegaría o 0-2, logo dunha gran xogada individual de Tara, que cede atrás para Adrián, que define ben ante o meta local.

A partir de entón os de Juan controlaron ben o encontro, cun bo traballo defensivo, e incluso puideron aumentar a renta nos últimos minutos, pero Pablo errou no man a man.