O Chantada B vence ó Guntín e suma tres victorias seguidas
www.sdchantada.com/ 24-02-14
O Chantada B reafirmou ante o Guntín o seu bo momento de resultados ó acadar o terceiro triunfo consecutivo, algo que non conseguira nunca na presente tempada. Os de Juan foron superiores, especialmente na segunda metade, e sumaron tres xustos puntos.

O encontro comezou moi intenso, cunha primeira chegada chantadina na que o disparo de Tara se vai fora. Pasado o minuto 10, unha gran xogada persoal do propio Tara remata cun bo servicio para que José Carlos, cun disparo cruzado, faga o 1-0. Reaccionou o Guntín, e nun erro local igualaría o encontro.

O Chantada B seguiu en busca do gol, e reclamou un penalti por mans que non sería sinalado. Sí contaría cun penalti a favor á media hora de xogo, e Pablo encargaríase de transformalo para facer o 2-1. Antes do descanso un remate de cabeza de Rodrigo sería salvado baixo paos, mentres que os visitantes contarían cunha clara ocasión que desbarataría Suizo, e cun gol anulado por unha clara man.

Na segunda metade os de Juan saíron moi intensos, e chegaría o 3-1 nun tiro de Pablito que desviaría un defensor visitante á súa propia meta. Case sen tempo para a reacción chegaría o 4-1 nun maxistral lanzamento de falta de Cristian.

O encontro entrou entón nunha fase de tranquilidade e control, ata que no 70´ chegaría o 4-2 nun penalti que en primeira instancia detivera Suizo, pero cuxo lanzamento houbo que repetir.

De aquí ó final os chantadinos dedicáronse a manter a renta ante un rival que se quedou cun home menos no minuto 80, e a pesar de contar con contras perigosas non conseguiron sentenciar o encontro.