O Chantada superou a un bo Cabreiros e xa está en semifinais
www.sdchantada.com/ 09-06-14
O Chantada impúxose por 1-3 ó Cabreiros, remontando o tanto inicial dos locais, e clasificouse para as semifinais da Copa Deputación de Lugo, nas que se medirá o domingo a domicilio ó Atlético Escairón no que será un bonito derbi copeiro.

O encontro comezou con dominio local, cun Cabreiros moi enchufado e que contou con dúas ocasións claras de gol ata que conseguía o 1-0 mediada a primeira parte. Parece que este tanto lles veu ben ós nosos, pois despertaron e pouco a pouco fóronse achegando ás inmediacións da área local, ata que chegou o 1-1 no minuto 42, nun momento clave para o desenlace da eliminatoria.

Tralo paso por vestiarios o Chantada foi claramente superior, e dominou o segundo periodo por completo, polo que pronto chegou o gol de Failde, que aproveitou o rexeite do longueiro a un centro de Joserra para facer o 1-2.

Os nosos contaron con varias opcións para ampliar a vantaxe, pero non o conseguirían ata o minuto 81, ata que Óscar Méndez enviou ó fondo da rede un servicio de Anxo tras unha gran xogada deste.