O cadete caeu ante o Grove e seguirá en Liga Provincial
www.sdchantada.com/ 23-06-14
O cadete quedou apeado da loita polo ascenso a Liga Galega, e xa van sete veces nos últimos doce anos, logo de caer por 1-4 ante o Grove nun resultado que non se axusta para nada ó visto no terreo de xogo.

Os de Juan, conscientes de que tiñan que remontar, saíron moi metidos no encontro e dominaron o primeiro tramo de partido: unha ocasión de Roberto e outra de Povis foron os primeiros avisos, ata que chegou a máis clara, nun disparo de Mirás que salva o meta rival. A aportación ofensiva dos visitantes foi nula, ata que no minuto 35 un tiro desde fora da área establecía o 0-1 co que se chegou ó descanso.

Iniciou moi ben a segunda parte o Chantada, e ós tres minutos Roberto igualaba o encontro e dáballe vida ós nosos; a partir de aquí os visitantes trabaron constantemente o xogo, e apenas se podía ver continuidade neste, se ben daba a sensación de que os de Juan estaban preto de poder conseguir o segundo gol que os clasificara.

Pero entón nunha acción desafortunada chegou o 1-2, que deixou tocados ós nosos, que tan só un par de minutos despois encaixaban o 1-3 cun gran disparo lonxano. Este tanto sentenciaba a eliminatoria, e a pesar que desde entón os nosos o intentaron ata o final e dispuxeron dalgunha ocasión non foron quen de marcar máis goles. Na última xogada do partido chegaría o 1-4, nunha nova acción desafortunada por parte local.