Os de Juan volven á segunda praza tralo empate do Rubián

www.sdchantada.com/ 02-02-14

O Chantada B recuperou o segundo posto logo de vencer en Ferreira e de que o Rubián igualara a un tanto en Friol. Os de Juan tiraron de oficio para vencer nun campo en moi mal estado e ante un rival do que sorprende a súa 14ª posición na táboa, pois ofreceu bo fútbol ante os chantadinos.

O primeiro cuarto de hora foi totalmente local, pois o Ferreira dominou e contou con dous achegamentos perigosos, primeiro cun tiro que se vai fora e posteriormente cunha falta que para Rays. Co paso dos minutos respondeu o Chantada B, que nesta primeira metade contou como ocasión máis clara na primeira metade unha acción a balón parado que tras varios remates non chega a entrar, e o 0-0 chegábase ó descanso.

Tralo paso por vestiarios saíron mellor de novo os locais, que contaron cunha clara ocasión á saída dun córner, pero o Chantada B respondeu cunha xogada rápida na que Efrén, cun disparo lonxano, consegue o 0-1.

A partir de entón o Ferreira adiantou liñas, o que fixo que, a pesar de que foran os locais os que tiveran máis o balón e se achegaran á área chantadina, foran os chantadinos os que contaran coas ocasións máis claras para sentenciar, destacando un man a man no que Tara dispara fora e dous de Adrián, o primeiro que se vai fora e o segundo no que o esférico se queda freado tras superar ó meta rival.

Os chantadinos defenderon ben o arreón final local e sumaron tres traballados e importantes puntos.