O Chantada B sumou un importante triunfo ante o Brollón

www.sdchantada.com/ 09-02-14
O Chantada B retomou a boa senda como local ó impoñerse por 1-0 ó Brollón nun encontro que dominaron os de Juan e que tiveron que madurar e traballar para poder levarse os tres puntos.

O encontro comezou cos locais moi metidos no encontro e contando con dúas claras ocasións nos primeiros minutos nas botas de Samuel e Tara. Co paso dos minutos o encontro seguía igual, cun Brollón ben plantado en defensa e buscando a contra, o que dificultaba o ataque chantadino.

Aínda así, os nosos conseguiron ter algunha chegada máis perigosa, destacando un cabezazo de Efrén tras unha gran combinación colectiva dos de Juan, que non atinaban cara á meta rival e ó descanso chegouse con 0-0.

Tralo paso por vestiarios o Chantada B saiu coas ideas claras e foi madurando o encontro ata que chegou o 1-0 no minuto 61, logo dun bo disparo de Efrén desde a frontal.

Tras este tanto o Brollón adiantou liñas e buscou mediante empuxe a igualada, pero o bo facer defensivo dos chantadinos fixo que a única ocasión destacable por parte visitante fora un disparo lonxano que desviou Rays.