O Chantada cae ante o líder nun encontro polémico

www.sdchantada.com/ 23-02-14
O Chantada caeu por 0-2 ante o Negreira nun encontro no que os de Óscar Méndez plantaron cara ó líder ata o minuto 60, cando o colexiado sinalou un penalti moi protestado a prol dos visitantes que ademais supuxo o segundo cartón amarelo para Josiño.

O primeiro tempo foi igualado, destacando apenas unha chegada perigosa por cada conxunto, un disparo visitante que salvou ben Javi e un cabezazo de Kadete que se foi fora por pouco. Un Chantada ben plantado defensivamente facía que o líder non chegara con claridade, polo que ó descanso se chegou con 0-0.

Tralo paso por vestiarios a tónica do encontro era a mesma, ata que chegou unha acción clave no encontro: o colexiado sinalou un penalti moi protestado por un presunto agarrón á saída dun córner nunha acción que se produciu lonxe do esférico e na que ademais Josiño recibiu a segunda cartulina amarela. O Negreira non fallou e fixo o 0-1.

A partir de ahí os visitantes notáronse moito máis cómodos no campo e dominaron, aínda que o Chantada o intentou. Nunha boa combinación do Negreira chegou o 0-2 no minuto 74, que sentenciou o encontro e que fixo que os últimos minutos foran de trámite.